Unha turista inglesa denunciou á súa axencia de viaxes porque sufriu moito nas dúas semanas que lle prepararon en Benidorm. As razóns que aduce na súa denuncia son que «en Benidorm había demasiados españois», e pregúntase por que os españois non van veranear a outro lugar. As razóns aducidas pola anciá de 81 anos, que aforrou, xunto cunha amiga, dous anos para pagar as dúas semanas dunhas tranquilas vacacións ao sol, non son de risa. Di que o hotel estaba cheo de españois maleducados, que facían moito ruído e que un mozo a empurrou e nin sequera se desculpou. Ela ten problemas de mobilidade e o hotel non tiña ramplas de acceso, e ademais está situado nunha costa.
Todo iso xustifica as súas queixas e hai que engadir que a señora pertence a unha xeración e a unha clase social que votou maioritariamente o brexit, segue instalada na idea do esplendor do Imperio Británico e participa do seu espírito colonial.
Para ela Benidorm é coma Xibraltar, unha colonia inglesa, por iso se queixa de que os nativos, ruidosos, con estraños horarios de comida e descanso, interferisen nos seu desexo dunhas tranquilas vacacións. E aínda por riba as diversións do hotel estaban enfocadas para gustar aos nativos, e non aos colonizadores. Esta señora dixo o que tantos turistas estranxeiros pensan.
E todo iso foi fomentado por unha política turística encamiñada a atraer servilmente a un turismo pobre, pero prepotente. Non debemos rirnos nin queixarnos.